|
A Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada
A Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada creouse no ano 1987 e foi ampliando, de xeito gradual, a súa oferta educativa. Esta Escola é o único centro público da comarca que imparte ensinanzas especializadas de idiomas con recoñecemento oficial. Na EOI de Ponferrada pódense estudar catro idiomas: alemán, francés, galego, inglés e portugués. Entre todos eles acollen, na actualidade un total de 1400 alumnos e alumnas matriculados nun ou en varios destes idiomas.
O noso alumnado é moi hetereoxéneo, tanto en idade (a partir dos 14 anos en adiante) como en formación (estudantes, universitarios, profesionais, funcionariado, etc.). O único requisito para entrar é ter unha certificación equivalente aos estudos primarios.
O alumnado pode elixir entre tres modalidades de ensino: presencial, libre ou a distancia “That´s English”.
- A modalidade presencial esixe asistir con regularidade ás aulas (catro horas e media á semana).
- A modalidade libre está destinada a aquelas persoas que só queiran presentarse aos exames para obteren as certificacións correspondentes.
- A modalidade a distancia só existe para o idioma inglés e consiste en titorías semanais na EOI e no seguimento dos programas específicos que emite a TVE.
A nosa escola fixou, no seu Proxecto Curricular, os seguintes obxectivos:
- Facilitar que o noso alumnado dispoña duns medios eficaces para adquirir o coñecemento das linguas que se imparten así como conseguir as destrezas necesarias para o emprego deses idiomas nas distintas situacións comunicativas.
- Preparar ao noso alumnado para unha Europa multilingüe e multicultural así como para a cooperación e mobilidade internacional, superando as barreiras lingüísticas e culturais e promovendo o entendemento, a tolerancia e o respecto.
- Promover o desenvolvemento de intercambios e potenciar as Novas Tecnoloxías da Información e Comunicación (NTIC).
- Desenvolver o plurilingüismo e a interculturalidade, o que contribúe ao enriquecemento persoal e á apertura a novas experiencias culturais.
- Orientar ao alumnado cara a adquisición de autonomía, iniciativa, técnicas e estratexias de autoaprendizaxe.
- Facilitar a introdución de novos métodos e materiais que permitan desenvolver a competencia comunicativa máis axeitada aos intereses de cadaquén.
- Realizar un seguimento da progresión do alumnado de xeito que recoñeza, analice e supere as súas dificultades de aprendizaxe.
A EOI de Ponferrada forma parte dunha extensa rede de centros públicos non universitarios, de escala estatal, nos que se imparten ensinanzas especializadas de idiomas. Este proceso de aprendizaxe, na actualidade, desenvólvese ao longo de seis anos académicos, que son recoñecidos a través de dúas certificacións oficiais:
- Certificación de Nivel Básico (A2)
- Certificación de Nivel Intermedio (B1)
- Certificación de Nivel Avanzado (B2)
O noso enfoque metodolóxico pretende capacitar ao alumnado para que adquira un nivel básico, intermedio ou avanzado de competencia na expresión e comprensión oral e escrita no idioma correspondente.
|